Saturday 18 de May de 2024

Cambre e Carral estudan crear un Centro de Información á Muller (CIM)


A responsable autonómica animou aos concellos a poñer en marcha o centro e comprometeuse a apoiar o proxecto

Cambre e Carral traballan de forma conxunta para poñer en marcha un Centro de Información á Muller (CIM). As dúas administracións locais consideran que o CIM é un servizo de información ás mulleres moi demandado polos veciños e veciñas dos dous concellos polo que é a súa creación é prioritaria. Recordan que actualmente existe unha poboación potencial de usuarias de máis de 12.000 mulleres entre os dous concellos e que ata o de agora teñen que desprazarse ata Culleredo, o CIM máis próximo está ubicado en Culleredo.
Neste senso, o pasado xoves tivo lugar unha xuntanza de traballo en Santiago, na Consellería de Traballo e Benestar Social. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, a subdirectora Xeral, Fe Alvedro Riveiro, o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e a concelleira de Servizos Sociais de Carral, Florinda Duarte, reuníronse cos técnicos sobre a posibilidade de acreditación dun Centro de Información á Muller de maneira conxunta entre os dous concellos. “Consideramos un dereito fundamental das mulleres que conten con este servizo tan importante e imos a traballar arreo con Carral para poñelo en marcha o antes posible”, apuntou García Patiño. Pola súa banda, dende o Concello de Carral mostraron un interese total á creación deste servizo polo beneficio que terían as veciñas cunha atención personalizada e adecuada ás necesidades de cada unha delas.

Na reunión a responsable autonómica animou aos concellos a poñer en marcha o centro e comprometeuse a apoiar o proxecto. Barállanse varios emprazamentos en Cambre para a ubicación definitiva do CIM, pero ainda non se concretou.

O centro poderá prestar atención psicológica, orientación profesional, información en materia de recursos ou información e asesoramento en materia de igualdade de oportunidades aos grupos de mulleres que de forma colectiva o demanden, así coma calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade das mulleres que de forma individualizada o demanden.